Venezia

Venezia

Longametraxe documental experimental
Mini DV/HD /16:9 / 86′ / 2015

 

Sinopse

As augas silentes do embalse de Lindoso (sur de Ourense) calan a traxedia ata que unha súbita descida no caudal fai emerxer a verdade. As ruínas enlamadas da aldea de Aceredo compoñen unha insólita postal de ecos venecianos. Os vellos habitantes acoden a contemplar as casas das que foron desaloxados hai 20 anos por mor da construción dun encoro.

A comparecencia co pasado torna dorosa pero inevitable. A cruel fotoxenia da decrepitude converte a paraxe nun atractivo turístico. Baleira de memoria, varada e sobre-exposta, esta alegórica Venecia posa no fondo do val asulagado. O seu reflexo na auga devólvenos a ollada. Unha ollada seca e desafiante, chea de nostalxia e de vinganza.

“Así era Venecia, insinuante e sospeitosa: cidade encantada por un lado,
trampa para estranxeiros polo outro”.
Thomas Mann

Nota do director

Lembro o día que este filme empezou a emerxer. Navegando pola prensa dixital dei cunha imaxe reveladora: unha aldea en ruínas ficaba ao descuberto no medio dun encoro, 20 anos tralo seu asolagamento.
A aparición tiña lugar nas augas de Lindoso, embalse ao sur de Ourense, mais ese dato deviu trivial. Aceredo era só o primeiro dun ronsel de cadavres que, nunha seca histórica, irían aflorando pola xeografía galega nos anos vindeiros. A primeira de tantas Venezias.
Á mañá seguinte collín a cámara e saín ao encontro daquela mesmerizante visión. Cheguei co abrente, todo estaba deserto, era domingo. As áridas beiras conferíanlle ao entorno un aire apocalíptico, beckettiano. Sentíame coma un astronauta buscando signos de vida no ermo da lúa, coma esperando algo.
Axiña comezou o espectáculo. Unha rea de curiosxs ía transformando aquela paisaxe inhóspita nun fito turístico, nunha sorte de velatorio grotesco. Unha momia. Un espectáculo.
A postal era magnética, fantasmal, tan mórbida como desoladora.; aquelas casas varadas no medio do lago parecían froito do ilusionismo. A superficie calma do lago tornaba espello e duplicaba cada pedra, facendo confundir a realidade co seu reflexo, como acontece na fotografía. Unha cova platónica de auga. Un taller de revelado xigante.
Todas as miradas ficaban espetadas alí abaixo, na reflexión, contemplando e, por veces, contemplándose. Para uns era un paseo dominical, para outros un encontro perturbador. A miúdo parecían escudarse tralas cámaras e os teléfonos para, coma quen di, non ter que mirarlle á cara ao morto.
O protagonismo daquelas ruínas era tan obvio que me sentín tentado a obvialo. Collía corpo a idea dunha posta en escea inversa, un xogo de espellos: evitar aquelas ruínas e fitar os seus visitantes, illalos, espilos coa mesma impunidade coa que eles profanaban o cadaleito. Iriamos descubrindo Venezia a través dos seus ollos.
Mentres facía de paparazzi, achegouse a min un veciño. Díxome que, se quería contar a historia do que había baixo as augas, el tiña todo gravado en VHS. Eureka, por mor do destino ou do principio de Arquímedes, de súpeto a idea dun filme saía a flote, aquelas ruínas parecían erguerse cal fumarola, resucitaban para clamar vinganza.
Mais a promesa daqueles VHS foi tan efémera coma a visión da aldea fantasma. Ás poucas semanas, o proactivo paisano diluíuse canda aquelas ruínas. Disque comprometera o seu prezado arquivo con outro filme que narraba o drama concreto daquel lugar. A realidade interpúñase no camiño do documental, escorándoo cara á ficción, deixándoo á deriva.
O que semellaba infortunio axiña tornou fado. O filme abstraíase, espallábase ata o eido do mito, da fábula, da traxedia. Xa non era unha terra; era a terra. Tras aquel lago viñeron moitos outros, que se foron poboando de personaxes, de voces, de misterio. Aquel mosaico de flamantes cascallos ía armando o relato dun tempo imaxinario, un paraíso que agora debía profanar.
Así rexurdía esta Venezia macabra, patética, carnavalesca, para celebrar a festa do esquecemento, o naufraxio, a desfeita; coa mesma ollada vacua e posmoderna que prometía ridiculizar.

“Nada permanece. Todo se dilúe”
Buda

Ficha

Dirección, cámara e montaxe: Xoel Méndez

Elenco: Carlos Villa, Paula Carballeira, Pepe Penabade, Comba Campoi, Marisa Boceta, Karlos Hurtado

Produción: Xoel Méndez

Son: Meli Souto

DCP e Distribución: Noveolas Producciones

Deseño gráfico: F. Javier Hurtado



Scroll Up